Onte celebramos en BiblioPepiño a primeira xuntanza do noso club de lectura de adultos, Pepilecturas.
Para romper o xeo e coñecernos un pouquiño mellor, comezamos cun divertido bingo literario. A través de preguntas e pequenas investigacións, fomos descubrindo curiosidades sobre os nosos compañeiros e compañeiras de lectura: quen escolle libros polas súas portadas, quen prefire ler con música de fondo, quen ten ese libro especial que lle encanta reler ou quen aínda conserva libros da súa infancia. Unha maneira estupenda de descubrir todo o que temos en común e tamén aquilo que nos fai diferentes como lectores e lectoras!A continuación, mergullámonos nas dúas lecturas que nos acompañaron durante este primeiro mes: Tres habitaciones en Manhattan, de Georges Simenon, e Desayuno en Tiffany's, de Truman Capote.
Antes de compartir as nosas impresións, fixemos unha pequena presentación dos dous autores, achegándonos ás súas vidas, ás súas obras e aos seus universos literarios.
E como nos gusta aprender e divertirnos ao mesmo tempo, puxemos a proba a nosa memoria cun Kahoot literario!
A través de diferentes preguntas sobre as dúas novelas, lembramos personaxes, situacións e detalles das historias, ao tempo que establecemos comparacións entre ambas as obras e compartimos distintas interpretacións.
Para rematar, abrimos unha pequena rolda de propostas de futuras lecturas. Entre as diferentes suxestións, escollemos a que será a nosa próxima aventura literaria:
A nosa próxima xuntanza será o mércores 18 de novembro, cando volveremos reunirnos para compartir impresións, reflexións e emocións arredor desta nova lectura.
Marchamos desta primeira sesión coa satisfacción de comprobar que un club de lectura é moito máis ca ler un libro: é compartir miradas, descubrir outras perspectivas, escoitar, conversar e crear vínculos arredor das palabras.
Grazas a todas as persoas participantes por facer posible este bonito comezo!





Ningún comentario:
Publicar un comentario