22 de dec. de 2025

OBRADOIRO nadalARTE

 Esta semana temos en BiblioPepiño obradoiros de arte, nos que estamos creando adornos para a nosa árbore inspiradas en diversos artistas: Mondrian, Frida Kalho, Van Gogh... 




Qué artistas identificades na nosa árbore?


15 de dec. de 2025

Xogos en familia

 Un ano máis a Xornada de Xogos en Familia, foi todo un éxito!

Deixámosvos unha pequena mostra de todo o que disfrutamos esta tarde, compartindo coas nosas familias xogos, risas e unha merendola rica.



MOITÍSIMAS GRAZAS POR CONTAR CON NOS PARA PASAR A TARDE DO VOSO SÁBADO!


10 de dec. de 2025

XOGOS EN FAMILIA

Este sábado, achégate á Bibliopepiño e pasa unha tarde diferente gozando de xogos para todas as idades.

Un plan perfecto para compartir tempo de calidade, coñecer novos xogos e vivir a biblioteca dun xeito distinto. 

Teremos xogos de mesa, risas, cooperación e moitos bos momentos

AGARDÁMOSVOS!

3 de dec. de 2025

SAÍDA MOCHILAS VIAXEIRAS

 ATENCIÓN!!!!

Véñense novas!!!!

Este venres sairán cara as vosas casas as mochilas viaxeiras de BiblioPepiño.

Como xa é habitual poderán estar convosco durante unha semana, tempo no que rotarán por todo o alumnado que decidiu participar nesta actividade.

Dentro das mochilas atoparedes:

- Unha película en DVD.

- Un xogo para desfrutar en familia.

- Libros de diferentes tipos de textos: banda deseñada, poesía, narrativa, información documental...

- Un libriño relacionado coa arte, proxecto anual do noso centro.

- Caderno de arte, buscando a vosa colaboración para poder abrir a nosa galería de arte.

- Caderno de valoracións, anónimo, xa que para nos é moi importante poder mellorar e coñecer as vosas impresións e suxestións para seguir adaptándonos aos vosos intereses.

AGARDAMOS QUE AS GOCEDES!

23 de nov. de 2025

FALARTE

A nosa radio, Pepiño nas ondas, continúa coas súas gravacións semanais. 
Esta vez tocoulle ao noso programa de arte: FALARTE

Deixamos dous capítulos:

O primeiro sobre Keith Haring, onde Martina e Alan de sexto de educación primaria entrevistan a Cloe, Mía e Hugo, grandes expertos de Keith Haring de 6º de Educación Infantil.
Dádelle a play!

A segunda entrada de Falarte vai da man de Javier, Zulema, Lúa, Martina e Uxía, eles darannos a coñecer a arte grotesca. a que se refiere? Non perdas o tempo, dalle a play e comeza a ampliar o teu coñecemento artístico.
MOI PRONTO NOVOS PODCAST. 
NON VOS IMPACIENTEDES!

APADRIÑAMENTOS LECTORES

 O xoves conmemoramos o Días dos dereitos dos nenos, recollidos na Convención sobre os Dereitos da infancia, garanten que todas as nenas e nenos poidan medrar nun entorno seguro, respectuoso e cheo de oportunidades. 

Entre estes dereitos, o dereito á educación ocupa un lugar fundamental, pois permite que cada menor desenvolva plenamente as súas capacidades, acceda ao coñecemento e participe de forma activa na sociedade.

Cos apadriñamentos lectores axudamos a favorecer o crecemento persoal e colectivo, asegurando que cada neno e nena se sinta valorado, acompañado e con dereito a aprender.

PASÁMOLO XENIAL!

22 de nov. de 2025

DEREITOS DA INFANCIA

No noso cole cremos que a arte é unha poderosa ferramenta para expresar emocións, ideas e valores. Por iso, con motivo da conmemoración dos dereitos da infancia, que celebramos cada 20 de novembro, en BiblioPepiño quixemos unir creatividade e reflexión a través dunha actividade moi especial.

Ao longo destes días, o alumnado das diferentes aulas converteuse en pequeno artista para investigar e poder representar, mediante obras plásticas, algúns dos dereitos fundamentais da infancia: o dereito á educación, ao xogo, á igualdade, á protección, á identidade, á paz ou á liberdade de expresión, entre outros.

Cada creación está inspirada no artista que cada grupo traballa dentro do noso PDI Pinceladas na Sangriña, polo que nesta exposición podemos atopar interpretacións cheas de cor, emoción e imaxinación ao estilo de grandes referentes da arte. A cales identificades?

Así, os dereitos da infancia transfórmanse en cadros únicos que nos fan pensar e sentir ao mesmo tempo.

A través desta proposta, ademais de coñecer mellor os dereitos dos nenos e nenas, aprendemos que todas as persoas merecen ser escoitadas, coidadas e respectadas. Porque unha infancia feliz é un dereito… e tamén unha obra de arte que debemos construír entre todos e todas.

















Convidámosvos a visitar esta fermosa exposición e a descubrir todo o que o noso alumnado quixo contar coas súas pinceladas.

14 de nov. de 2025

NOVEMBRO MES DA CIENCIA NAS BIBLIOTECAS

Novembro é mes de ciencia en galego, é mes de experimentación nas bibliotecas escolares. 

Por este motivo tedes unha pequena exposición de libros de ciencia, en galego, é unha selección de experimentos que podedes usar cos vosos mestres para facer diversos descubrimentos:


As caixas estarán á disposición de todo o claustro durante este mes.

ANIMÁDEVOS A ACHEGAR A CIENCIA AOS NOSOS NENOS/AS!

12 de nov. de 2025

PEPIÑO NAS ONDAS 25-26

 Pepiño nas ondas, retomas as súas retransmisións, neste novo curso 2025-2026:


Xa tedes dispoñibles dous novos capítulos, lembrade que podedes entrar no Ivoox para escoitalos ou pinchando nos enlaces que compartimos a continuación:

Crónica deportiva:




Estade atentos/as para as próximas retransmisións!!!

5 de nov. de 2025

CINE EN BIBLIOPEPIÑO

 Estimados/as espectadores/as:

Temos o placer de informarvos de que xa está publicada a cartelera para as proxeccións de inverno 2025.

A próxima semana poderemos desfrutar de cine en familia, para os mais pequenos e de dous pases de película para o alumnado de primaria.




O venres entregaremos as entradas, dispoñibilidade ata completar aforo.

Agardámosvos!


31 de out. de 2025

MONSTRARTE RESOLUCIÓN

Queremos agradecer a gran participación no concurso MONSTRARTE.
Durante 15 días os nosos corredores estiveron do máis terroríficos!

Resultounos moi díficil decidir os gañadores/as das catro categorías, pero este foi o resultado.
NORABOA A TODOS/AS!




24 de out. de 2025

PEPILECTURAS ALUMNADO

 O alumnado de cuarto, quinto e sexto de primaria, tivo esta semana a súa primeira reunión de Pepilecturas. 

Nela coñeceron a Ana, a profe que se encargará de dinamizar e dirixir as sesións de lectura durante este curso. E tiveron o primeiro contacto coas lecturas propostas para comezar.


Ademais recibiron un pequeno agasallo, moi práctico no que poder facer todas as anotación pertinentes do club.

Vémonos no mes de novembro para compartir as nosas impresións sobre estas nenas fantásticas!

23 de out. de 2025

APÓCEMA MONSTRUOSA

 

Obradoiro de apócema monstruosa para o alumnado de terceiros e cuartos de primaria.

A nosa receita precisa moita precisión para obter resultados extraordinarios.

Medimos e trasvasamos líquidos, mexturamos... e  tras facer un bo conxuro....

Aquí os resultados:







Funciona o conxuro?


14 de out. de 2025

FORMACIÓN PARA FAMILIAS

 Esta tarde compartimos unha sesión de formación con diversas familias da nosa comunidade educativa.

Que é koha, onde escoitar os programas de Radio na biblio, como facer suxestións...


Deixamos a presentación por si queredes facer un repasiño dende as vosas casas.


Queremos dar as grazas a todos os asistentes.
Sen vos todos os nosos esforzos non terían sentido!

9 de out. de 2025

APERTURA BIBLIOPEPIÑO

 Temos o pracer de anunciar que o próximo día 13 BiblioPepiño abrirá as súas portas.

Os horarios son os habituais: luns e xoves de 8:20 a 8:35 para infantil e primeiro ciclo de primaria, acompañados de familias, e luns, mércores e xoves en horario de 15:30 a 17:30.


Como xa ven sendo habitual o martes 14 ás 16:30 teremos unha pequena charla para darvos a coñecer o funcionamento de BiblioPepiño.


AGARDÁMOSVOS!

7 de out. de 2025

MONSTRARTE

Este ano BiblioPepiño prepara unha exposición moi especial… 

UNHA EXPOSICIÓN FANTASMAGÓRICA!

As paredes do noso centro están baleiras, os marcos agardan, e as pantasmas da arte rondan en busca de inspiración de cores, formas e sustos.

Onde están as meigas, os monstros e as cabazas?
Vós debedes representalos xa que sodes os verdadeiros artistas!

Creade as vosas obras, para encher a galería: debuxos, pinturas, colaxes ou creacións arrepiantes inspiradas no Samaín. Non hai límites para a imaxinación: poden ser escenas misteriosas, retratos de criaturas espeluznantes ou paisaxes encantados.

Cando todas as obras cheguen, tedes ata o martes 21 de outubro, as paredes cobrarán vida e abriremos as portas de 

AGARDAMOS A VOSA COLABORACIÓN, 
HABERÁ GRANDES PREMIOS!



3 de out. de 2025

FORMACIÓN DE BIBLIOTECA PARA O VOLUNTARIADO

 Un ano mais antes de que BiblioPepiño abra as súas portas precisamos que os nosos axudantes estén formados, coñezan a CDU e identifiquen como colocar, prestar e xestionar a biblioteca.

Esta mañá un grupo de 20 alumnos/as de quinto e sexto de primaria recibiron a súa formación.

Lembramos os seguintes aspectos, facendo fincapé nas diferentes funcións:


Comezamos un novo curso cargados de moita ilusión!