O pasado venres, un grupo de alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria,
reuniamonos na biblioteca do cole, non por casualidade; elixímola porque era o lugar onde Carlos Casares pasou máis
tempo na súa etapa de estudante.
Pero, por que estabamos alí?
Porque esperabamos impacientes e moi ilusionados a visita de Hakan
Casares.
Nada máis chegar, presentámolo como o merece unha persoa tan especial nestas datas.
En seguida nos engaiolou contando a vida de seu pai como se de un conto
se tratase, coa súa presenza, cos seus xestos, coa súa mirada, co cariño con que
o contaba.
Sentímolo cerca e infiltrouse
nos nosos pensamentos que xunto coas súas propias opinións deron forma a unha
historia real e conmovedora manifesta no brillo dos ollos de todos os
asistentes.
No seu discurso transmitiunos a importancia de ler para formarnos como persoas e decatarnos de que calquera de nós pode ter capacidade para escribir mellor se somos bos amigos da lectura.
Sorprendeunos moitísimo
cando nos contou que seu pai foi merecedor da chave da biblioteca porque pasaba moitas horas alí.
A presenza de Hakan constituiu un reflexo vivo de Carlos Casares. Amosounos con gran entusiasmo como o seu pai trataba as persoas: con respecto, con agarimo, cercanía... destacando como a súa mellor virtude, a boa persoa que era.
A continuación, os nenos, iniciamos unha ronda de preguntas que recollían as nosas inquedanzas sobre a vida e obra de Carlos Casares. El foi contestándoas unha a unha e satisfacendo a nosa curiosidade.
Para rematar o acto, agasallámolo cun caderno co resumo das actividades, as nosas impresións , debuxos, recordos e fotos polo que se mostrou entusiasmado e agradecido como o puxo de manifesto.
Tamén se brindou a entregar o agasallo ao gañador do concurso fotográfico" Interpreta a obra de Carlos Casares"
E asiñoulle o libro Este é Toribio de Carlos Casares
Non podíamos quedar sen estas fotos para o recordo!!
Antes de despedirse, quixo coñecer de primeira man as distintas experiencias que se están a levar a cabo no cole para achegarnos e descubrir a Carlos Casares.
A pluma do escritor debe estar sempre ao servizo da liberdade dos homes.
Graciñas por transmitirnos as túas vivencias e achegarnos un chisco máis á vida de Carlos Casares, teu pai, dun xeito tan cariñoso e afable.