14 de out. de 2026

PEPIÑO NAS ONDAS.... COMEZAMOS UNHA NOVA TEMPADA!

 As ondas de BiblioPepiño volven encherse de voces, ilusión e moitas ganas de comunicar! 

Hoxe celebramos unha xornada de formación de usuarios de Pepiño nas Ondas, a nosa radio escolar. Durante a sesión, os participantes puideron coñecer o funcionamento da radio, familiarizarse coas ferramentas de gravación e descubrir algúns dos segredos que se agochan detrás dos micrófonos.

Ademais, realizamos o reparto dos diferentes programas que darán vida á nosa emisora durante este curso escolar.

Este ano contaremos cunha programación moi variada:

  •  A Sangriña opina: un espazo para compartir opinións, reflexións e dar voz á nosa comunidade educativa.

  •  ¿Y si bailamos?: un programa para achegarnos ao apaixonante mundo da danza.

  • Music of the World: unha viaxe musical para descubrir ritmos, melodías e culturas de diferentes recunchos do planeta.

  • Crónica deportiva: toda a emoción, as novidades e as curiosidades do mundo do deporte.

  • Pepilecturas: un recuncho radiofónico no que os libros, as historias e as recomendacións lectoras serán os protagonistas.

E isto non é todo! Ao longo do curso tamén prepararemos programas especiais, que iremos gravando en datas sinaladas e con motivo das diferentes actividades e celebracións do noso centro.

Estamos especialmente emocionados porque este ano contamos con máis de 30 voluntarios e voluntarias dispostos a poñer a súa voz, creatividade, entusiasmo e compromiso ao servizo deste fermoso proxecto.

Grazas a todos e todas por facer posible que Pepiño nas Ondas siga medrando e se converta nun espazo de encontro, aprendizaxe, expresión e participación.

Lembrade seguirnos na nosa canle de iVoox, onde poderedes escoitar todos os programas e acompañarnos nesta nova aventura radiofónica.


Afinade os oídos, preparade os micrófonos… porque Pepiño nas Ondas xa está en marcha!

Dámoslle voz á Sangriña! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario