9 de nov. de 2026

XOGOS EN FAMILIA 2026

 Un ano mais queremos compartir unha tarde chea de xogos, risas e diversión en familia! 

O vindeiro sábado 21 de novembro, ás 16:30 horas, abriremos as portas da nosa biblioteca para celebrar unha Xornada de Xogos en Familia, unha oportunidade fantástica para gozar xuntos do marabilloso mundo dos xogos de mesa.

Os xogos de mesa son moito máis ca unha forma de entretemento: axúdannos a desenvolver a atención, a memoria, o razoamento, a creatividade e o traballo en equipo. Ademais, ensínannos a respectar as normas, agardar a nosa quenda e, sobre todo, a gozar do tempo compartido.

Durante esta xornada, pequenos e maiores poderemos descubrir diferentes xogos, afrontar novos retos e vivir unha tarde na que a colaboración, a diversión e a convivencia serán as grandes protagonistas.


Porque en BiblioPepiño sabemos que as mellores partidas non son sempre as que se gañan, senón as que se comparten! 

Agardámosvos en BiblioPepiño!

PROFUNDIZAMOS NO COÑECEMENTO DA CDU

Os nosos voluntarios de biblioteca continúan formándose para converterse en auténticos expertos e expertas en BiblioPepiño.

Nesta ocasión, adicamos unha nova sesión de formación a profundar no coñecemento da Clasificación Decimal Universal (CDU), unha ferramenta fundamental para comprender como se organizan os fondos da nosa biblioteca e aprender a localizar os libros de maneira autónoma.

Comezamos lembrando que é a CDU, para que serve e por que é tan importante nas bibliotecas. Coñecemos a adaptación da CDU ás bibliotecas escolares e descubrimos como este sistema nos permite organizar os libros segundo as diferentes temáticas.

Ademais, analizamos a CDU de BiblioPepiño, adaptada á realidade dos nosos fondos. Así, comprendemos por que algúns apartados presentes na CDU das bibliotecas escolares non aparecen na nosa: simplemente porque, polo momento, non contamos con libros desas temáticas.




APRENDEMOS MANIPULANDO!

Despois da explicación teórica, chegou o momento de poñer mans á obra!

Os nosos axudantes de biblioteca enfrontáronse ao reto de construír unha CDU manipulativa, colocando cada un dos seus apartados no lugar correspondente. 

Unha actividade colaborativa que nos permitiu aprender xogando, relacionar números e temáticas e reforzar os coñecementos adquiridos.

 
MISIÓN: ATOPAR O LIBRO!

Pero a formación non rematou aí! Para comprobar todo o aprendido, preparamos unha serie de tarxetas con retos de busca que levaron os nosos axudantes a percorrer os andeis de BiblioPepiño.

Tiveron que localizar libros de mitoloxía, atopar unha banda deseñada, buscar libros relacionados co corpo humano, identificar a sección correspondente a diferentes temáticas e colocar exemplares no lugar axeitado.

Cada reto converteuse nunha pequena misión na que puxeron en práctica a súa capacidade de observación, orientación e busca de información.

Aproveitamos, tamén, esta xuntanza para tomar boa nota das súas suxerencias de xestión e organización de espazos, novas actividades creativas, obradoiro de pulseras, pintura...

Con estas actividades seguimos apostando por unha formación de usuarios activa, práctica e divertida, na que o alumnado aprende facendo, investigando e colaborando cos seus compañeiros e compañeiras.

Porque ser axudante de biblioteca non consiste só en realizar préstamos e devolucións, senón tamén en coñecer, coidar e comprender o funcionamento da nosa biblioteca para poder axudar aos demais.

Seguimos aprendendo, descubrindo e compartindo en BiblioPepiño!

VOLVE O CINE A BIBLIOPEPIÑO!

BiblioPepiño volve converterse nunha auténtica sala de cine! 

A próxima semana regresan as nosas sesións de cine, unha oportunidade fantástica para gozar da maxia do cinema en compañía dos nosos amigos e amigas.

Tomade nota das datas: 



ATENCIÓN ÁS ENTRADAS!

Ao longo desta semana, o alumnado levará para a casa as súas entradas de cine. É moi importante gardalas ben e non perdelas, xa que serán necesarias para acceder ás sesións.

IMPORTANTE PARA EDUCACIÓN INFANTIL: os nenos e nenas deberán estar acompañados por unha persoa adulta durante toda a proxección.

AFORO LIMITADO: para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento das sesións, realizarase un control de aforo. Por iso, será imprescindible respectar as condicións de acceso.

Xa temos preparados os carteis das películas que poderedes desfrutar en cada sesión, podedes ver que está moi relacionadas coa danza e o noso proxecto de centro. Botádelles unha ollada e ide preparando as ganas de cine!

Luces, cámara... acción!

Agardámosvos en BiblioPepiño para compartir novas tardes de película! 

2 de nov. de 2026

SAMAÍN DE MEDO!

O Samaín chegou a BiblioPepiño cargado de misterio, historias arrepiantes, creatividade e moitas ganas de pasalo de medo! Durante estes días, a nosa biblioteca transformouse nun espazo no que a lectura, a imaxinación e a expresión artística foron as grandes protagonistas.

LECTURAS PARA TREMER... DE EMOCIÓN!

Co gallo da celebración do Samaín, preparamos unha selección especial de recomendacións lectoras terrorificamente divertidas que estiveron expostas na nosa biblioteca.

Meigas, pantasmas, monstros, misterios e historias cheas de suspense convidaron o noso alumnado a descubrir novas lecturas e a deixarse atrapar polo fascinante mundo da literatura de medo.

Con esta iniciativa quixemos espertar a curiosidade polos libros, dar a coñecer os fondos da biblioteca e demostrar que ler tamén pode ser unha aventura arrepiante!

CONCURSO DE RELATOS DE TERROR

Unha das actividades protagonistas deste Samaín foi o noso concurso de relatos de terror, no que o alumnado tivo a oportunidade de deixar voar a imaxinación e converterse en escritor e escritora de historias misteriosas.

A través desta proposta fomentamos a escritura creativa, a expresión escrita e o gusto pola literatura, animando os participantes a inventar personaxes, escenarios e situacións capaces de provocar algún que outro arrepío.

O pasado venres, durante a festa de Samaín do centro, tivo lugar a entrega de premios aos relatos gañadores. Proximamente poderedes escoitalos en Pepiño nas ondas.

Parabéns ás persoas premiadas e a todo o alumnado que participou! 

Cada historia contribuíu a facer deste concurso unha experiencia literaria de medo!

O SAMAÍN COBRA VIDA CO LAPIS 3D!

O noso espazo Bibliocreativo tamén se sumou á celebración cun obradoiro no que a tecnoloxía e a creatividade se deron a man.

Nesta ocasión, os participantes utilizaron lapis 3D para elaborar diferentes creacións inspiradas no Samaín, experimentando con formas, deseños e elementos propios desta celebración.

Unha actividade que lles permitiu desenvolver a imaxinación, a motricidade fina, a concentración e a creatividade, ao tempo que descubriron novas posibilidades de expresión artística a través da tecnoloxía.


Despedimos este Samaín con novas historias, moita imaxinación e a satisfacción de seguir facendo da nosa biblioteca un lugar cheo de experiencias.


FORMACIÓN DE VOLUNTARIADO

En BiblioPepiño sabemos que unha biblioteca escolar é moito máis ca un espazo cheo de libros: é un lugar de encontro, aprendizaxe, descubrimento e colaboración. Por iso, a formación de usuarios é fundamental para que o noso alumnado aprenda a desenvolverse de maneira autónoma na biblioteca, coñeza o seu funcionamento e participe activamente na súa organización.

A semana pasada celebramos unha nova sesión de formación dos nosos voluntarios e voluntarias de biblioteca, que continúan preparándose para converterse en auténticos axudantes de BiblioPepiño.

Durante a xornada traballamos diferentes aspectos esenciais para o bo funcionamento da nosa biblioteca:

Coñecemos a CDU (Clasificación Decimal Universal). Descubrimos como se clasifican os libros segundo as diferentes materias e aprendemos a interpretar os números e as cores que nos axudan a localizar cada lectura.

 Aprendemos a organizar os fondos. Practicamos como colocar correctamente os libros nos andeis, identificar as diferentes seccións e manter a biblioteca ordenada para facilitar a busca de información e lecturas.

Descubrimos o funcionamento de Koha. Os nosos voluntarios e voluntarias aprenderon a utilizar o programa de xestión bibliotecaria para realizar préstamos e devolucións, familiarizándose cunha das tarefas fundamentais do día a día da biblioteca.

Pero esta formación vai moito máis alá de aprender a colocar libros ou manexar un programa informático. A través destas actividades fomentamos a autonomía, a responsabilidade, o traballo en equipo, a cooperación e o respecto polos materiais e espazos compartidos.

Ademais, os nosos axudantes convértense en protagonistas da vida da biblioteca, adquirindo habilidades que lles permitirán orientar a outros compañeiros e compañeiras, recomendar lecturas e colaborar para que BiblioPepiño sexa un espazo cada día máis acolledor e dinámico.

Grazas a todos os nosos voluntarios e voluntarias pola súa ilusión, compromiso e ganas de aprender!

23 de out. de 2026

MUSIC OF THE WORLD ESTREA PROGRAMA DE... MEDO

A música, o cine e o misterio danse a man en Pepiño nas Ondas!

Estreamos o primeiro programa de Music of the World, un espazo radiofónico no que as nosas rapazas nos convidan a descubrir o fascinante mundo da música.

E que mellor maneira de comezar que cunha viaxe musical terrorífica? 

Nesta primeira entrega, as nosas locutoras fan un percorrido polas bandas sonoras dalgúns dos filmes de medo máis coñecidos, descubrindo como a música consegue crear suspense, provocar arrepíos e facer que unha escena de cine resulte aínda máis arrepiante.

Nova sección: «O CD do coche»

Pero as novidades non rematan aquí! Estreamos unha sección moi especial na que queremos que as familias sexan as protagonistas.

En «O CD do coche», as familias da Sangriña serán as encargadas de escoller unha canción para compartir con toda a nosa comunidade educativa. Esas cancións que cantamos a pleno pulmón no coche, que nos acompañan nas viaxes ou que nos traen recordos especiais terán agora o seu espazo na nosa radio escolar.

Seguide todos os nosos programas en Pepiño nas Ondas, a radio escolar de BiblioPepiño, a través de iVoox.






22 de out. de 2026

PRIMEIRA XUNTANZA PEPILECTURA ADULTOS

Onte celebramos en BiblioPepiño a primeira xuntanza do noso club de lectura de adultos, Pepilecturas.

Para romper o xeo e coñecernos un pouquiño mellor, comezamos cun divertido bingo literario. A través de preguntas e pequenas investigacións, fomos descubrindo curiosidades sobre os nosos compañeiros e compañeiras de lectura: quen escolle libros polas súas portadas, quen prefire ler con música de fondo, quen ten ese libro especial que lle encanta reler ou quen aínda conserva libros da súa infancia. 

Unha maneira estupenda de descubrir todo o que temos en común e tamén aquilo que nos fai diferentes como lectores e lectoras!

A continuación, mergullámonos nas dúas lecturas que nos acompañaron durante este primeiro mes: Tres habitaciones en Manhattan, de Georges Simenon, e Desayuno en Tiffany's, de Truman Capote.

Antes de compartir as nosas impresións, fixemos unha pequena presentación dos dous autores, achegándonos ás súas vidas, ás súas obras e aos seus universos literarios.




E como nos gusta aprender e divertirnos ao mesmo tempo, puxemos a proba a nosa memoria cun Kahoot literario! 

 A través de diferentes preguntas sobre as dúas novelas, lembramos personaxes, situacións e detalles das historias, ao tempo que establecemos comparacións entre ambas as obras e compartimos distintas interpretacións.

Para rematar, abrimos unha pequena rolda de propostas de futuras lecturas. Entre as diferentes suxestións, escollemos a que será a nosa próxima aventura literaria:


A nosa próxima xuntanza será o mércores 18 de novembro, cando volveremos reunirnos para compartir impresións, reflexións e emocións arredor desta nova lectura.

Marchamos desta primeira sesión coa satisfacción de comprobar que un club de lectura é moito máis ca ler un libro: é compartir miradas, descubrir outras perspectivas, escoitar, conversar e crear vínculos arredor das palabras.

 Grazas a todas as persoas participantes por facer posible este bonito comezo!