24 de xuño de 2026

RECOMENDACIÓNS DE VERÁN

O curso remata, chegan as vacacións e con elas un tempo perfecto para descansar, xogar, pasear, compartir momentos en familia… e, por suposto, seguir lendo.

Dende BiblioPepiño queremos convidar a todo o alumnado a levar a lectura na maleta este verán. Un libro pode acompañarnos á praia, ao parque, á montaña, á aldea ou mesmo a ese recuncho tranquilo da casa no que tanto nos gusta estar.

Por iso preparamos unha selección de recomendacións lectoras para o verán, pensadas para diferentes idades, gustos e momentos. 

Ler no verán non ten que ser unha obriga, senón unha oportunidade para gozar. Cada lector e cada lectora pode escoller o seu ritmo, o seu momento e o seu libro. O importante é manter viva a curiosidade e deixar que as historias nos acompañen tamén durante as vacacións.

Dende a biblioteca animámosvos a:

  • Escoller libros que vos apetezan de verdade
  • Ler un pouquiño cada día ou cando o corpo o pida
  • Compartir lecturas en voz alta coa familia
  • Visitar bibliotecas públicas durante o verán
  • Recomendar a outras persoas aqueles libros que vos gusten especialmente.

Agardamos que estas recomendacións vos axuden a descubrir novas historias e a vivir un verán cheo de imaxinación, aventuras e palabras bonitas.








10 de xuño de 2026

PICNIC LITERARIO

 As nosas Pepilecturas de alumnado despediron o curso cunha xornada de convivencia moi especial no Parque de Pías, un espazo perfecto para compartir lectura, xogos e bos momentos ao aire libre.

Durante a tarde realizamos diferentes actividades arredor dos libros que nos acompañaron ao longo do club de lectura. Primeiro, debuxamos e decoramos un cartel con aqueles títulos que máis nos gustaron, deixando constancia das historias que máis nos fixeron rir, pensar, emocionarnos ou imaxinar.

Tamén elaboramos un ranking lector, no que cada participante puido valorar as súas lecturas favoritas e compartir cos demais os motivos da súa elección. Foi moi bonito escoitar as opinións do alumnado e comprobar como cada libro deixa unha pegada diferente en cada lector e lectora.

Un dos momentos máis divertidos chegou cando imitamos as portadas das nosas lecturas favoritas. Con moita creatividade, convertémonos por un intre en protagonistas das historias, dando vida aos libros dun xeito orixinal e moi participativo.










Por suposto, tamén tivemos tempo para merendar, conversar, xogar e gozar xuntos desta última xuntanza. Para rematar, recibimos un agasallo moi fresquiño, perfecto para poñer o broche final a unha tarde chea de lecturas, amizade e convivencia.

Dende BiblioPepiño queremos agradecer a participación de todo o alumnado que formou parte de Pepilecturas ao longo deste curso. Grazas por compartir historias, opinións, ilusións e momentos tan especiais arredor dos libros.

Porque ler xuntos sempre é unha aventura! 

8 de xuño de 2026

PICNIC LITERARIO PARA DESPEDIR PEPILECTURAS

 En BiblioPepiño queremos pechar este curso de Pepilecturas, o noso club de lectura do alumnado, dun xeito moi especial… ¡cunha tarde de convivencia ao aire libre! 

Para celebrar a nosa última xuntanza do curso, trasladaremos os libros, as conversas e as risas ao fermoso Parque de Pías, onde gozaremos dunha tarde de picnic literario.

Será un momento para compartir un rato agradable, lembrar as lecturas que nos acompañaron ao longo do curso, falar dos nosos libros favoritos, xogar, conversar e, sobre todo, despedir esta actividade que tantos bos momentos nos deixou. 

Porque en Pepilecturas non só compartimos historias… tamén construímos amizades, descubrimos novos mundos e aprendemos a mirar os libros con outros ollos.

Animámosvos a traer moitas ganas de pasar unha tarde especial entre compañeiros e lecturas.

Un fermoso xeito de poñer o broche final a un curso cheo de páxinas, aventuras e emocións!

Vémonos no picnic de Pepilecturas! 

1 de xuño de 2026

retARTE final

En BiblioPepiño queremos compartir convosco a solución do noso último RetArte. Esperamos que vos gustase investigar, observar e poñer a proba os vosos coñecementos artísticos para descubrir a resposta correcta.

Antes de nada, queremos facer un enorme agradecemento a todo o alumnado e ás familias participantes, porque cada semana sorpréndenos a vosa implicación, curiosidade e ganas de aprender a través da arte. Grazas por dedicar un anaquiño do voso tempo a participar nesta aventura artística!

A resposta correcta era: 

Coñecer a arte é moito máis que saber o nome dun cadro ou dun artista. A arte axúdanos a observar mellor o mundo, expresar emocións, descubrir outras formas de pensar e comprender a nosa historia e cultura. Cada reto é unha oportunidade para aprender algo novo, mirar con máis atención e converterse nun auténtico detective da arte.


Grazas por facer medrar esta comunidade artística de BiblioPepiño. Seguimos pintando, creando e aprendendo xuntos!