30 de abr. de 2026

retARTE reto 8

Ola, xente creativa!

Dende BiblioPepiño queremos seguir enchendo este espazo de imaxinación, enxeño e ganas de participar. 

A semana pasada propoñíamosvos un pequeno desafío que puxo a proba a vosa capacidade de observación e interpretación. Moitos de vós achegástesvos á solución, pero aquí vai a resposta completa:

Parabéns a todas as persoas que participastes!

Xa imos polo Reto 8 de RetArte, e non podemos estar máis contentos coa acollida que está tendo esta iniciativa. Así que… se aínda non te animaches, este é o momento perfecto!

O Reto 8 xa está en marcha e agarda por ti. 

 Podes facelo só/a, en grupo, con familia ou amizades… o importante é gozar do proceso!

Anímate a participar no novo reto!

 

22 de abr. de 2026

DÍA DO LIBRO

 Mañá celebramos o Día do Libro en Bibliopepiño dunha maneira moi especial!

Temos preparada unha actividade chea de misterio e diversión: libros sorpresa en préstamo. Todos eles estarán empaquetados, polo que non poderás ver a portada nin o título… só atoparás unha pequena pista sobre o seu contido. Unha invitación perfecta para deixarte levar pola curiosidade e descubrir novas historias!

Para facilitar a elección:

  • Os libros cunha pegatina en forma de estrela están pensados para os máis pequenos do cole.
  • Os libros cunha cariña sorrinte son ideais para lectores máis maiores.

Atréveste a levar un libro sen saber cal é? Pode ser o comezo dunha nova historia favorita!

Agardámoste mañá en Bibliopepiño para celebrar xuntos o pracer da lectura.

16 de abr. de 2026

retARTE reto 7

Expoñemos un novo reto para esta semana, pero antes resolvemos o adiviñArtista da semana pasada, cantos de vós adivicháchedes de quen se trataba?

Continuamos:



Xa sabedes, investigade e deixade as vosas respostas na caixa de retARTE que temos en BiblioPepiño!!!

AS FAMILIAS CONTAN

Para conmemorar o Día do libro, que será o próximo 23 de abril, queremos convidarvos a participar nunha actividade moi especial para nos: “As familias contan”.

Esta iniciativa abre as portas do centro ás familias para que poidades vir ás aulas dos vosos fillos e fillas a compartir lecturas, contos, historias ou mesmo pequenas narracións creadas por vós. Trátase dun momento único no que a voz das familias se converte en protagonista, creando unha ponte máxica entre a casa e a escola.

Esta actividade é importante para nos xa que:

  • Fortalece os vínculos afectivos
  • Esperta a imaxinación e a curiosidade
  • Transmite o valor da lectura como pracer compartido

Para participar: 
As familias interesadas poderedes vir nun horario acordado co titor/a para ler un conto, unha historia ou calquera texto que vos guste. 

Non fai falta ser expertos: abonda con traer ilusión e ganas de compartir.

Desde BiblioPepiño animámosvos a formar parte desta experiencia tan enriquecedora. As vosas historias tamén constrúen lectores e lectoras.

Agardámosvos con moita ilusión!

9 de abr. de 2026

retARTE reto 6

 Imos resolver o reto destes últimos 15 días.

De que cadro saíra ese canciño?

Graciñas polas vosas participacións, continuamos cun novo reto semanal:
Volvemos o xoves para resolver o misterio!


2 de abr. de 2026

FALARTE

En Pepiño nas Ondas seguimos descubrindo o apaixonante mundo da arte a través do noso programa FalArte, unha serie de podcast enmarcados dentro do PDI Pinceladas na Sangriña.

Nesta ocasión, o alumnado mergullouse en dous movementos artísticos moi interesantes e cheos de personalidade:

O delicado e elegante Rococó, un estilo artístico caracterizado polas formas suaves, a decoración recargada e as cores claras e luminosas.

E o sofisticado Art Decó, un movemento moderno e innovador que destacou polas formas xeométricas, a elegancia e o deseño presente na arquitectura, na pintura e nos obxectos da vida cotiá.

A través destes podcast, o alumnado investigou, aprendeu e compartiu curiosidades, características e artistas destacados de cada estilo, converténdose en auténticos divulgadores de arte.

Agardamos que desfrutedes desta nova viaxe artística realizada dende as ondas de Pepiño nas Ondas