No noso cole cremos que a arte é unha poderosa ferramenta para expresar emocións, ideas e valores. Por iso, con motivo da conmemoración dos dereitos da infancia, que celebramos cada 20 de novembro, en BiblioPepiño quixemos unir creatividade e reflexión a través dunha actividade moi especial.
Ao longo destes días, o alumnado das diferentes aulas converteuse en pequeno artista para investigar e poder representar, mediante obras plásticas, algúns dos dereitos fundamentais da infancia: o dereito á educación, ao xogo, á igualdade, á protección, á identidade, á paz ou á liberdade de expresión, entre outros.
Cada creación está inspirada no artista que cada grupo traballa dentro do noso PDI Pinceladas na Sangriña, polo que nesta exposición podemos atopar interpretacións cheas de cor, emoción e imaxinación ao estilo de grandes referentes da arte. A cales identificades?
Así, os dereitos da infancia transfórmanse en cadros únicos que nos fan pensar e sentir ao mesmo tempo.
A través desta proposta, ademais de coñecer mellor os dereitos dos nenos e nenas, aprendemos que todas as persoas merecen ser escoitadas, coidadas e respectadas. Porque unha infancia feliz é un dereito… e tamén unha obra de arte que debemos construír entre todos e todas.
Convidámosvos a visitar esta fermosa exposición e a descubrir todo o que o noso alumnado quixo contar coas súas pinceladas.
















Ningún comentario:
Publicar un comentario