2 de nov. de 2026

FORMACIÓN DE VOLUNTARIADO

En BiblioPepiño sabemos que unha biblioteca escolar é moito máis ca un espazo cheo de libros: é un lugar de encontro, aprendizaxe, descubrimento e colaboración. Por iso, a formación de usuarios é fundamental para que o noso alumnado aprenda a desenvolverse de maneira autónoma na biblioteca, coñeza o seu funcionamento e participe activamente na súa organización.

A semana pasada celebramos unha nova sesión de formación dos nosos voluntarios e voluntarias de biblioteca, que continúan preparándose para converterse en auténticos axudantes de BiblioPepiño.

Durante a xornada traballamos diferentes aspectos esenciais para o bo funcionamento da nosa biblioteca:

Coñecemos a CDU (Clasificación Decimal Universal). Descubrimos como se clasifican os libros segundo as diferentes materias e aprendemos a interpretar os números e as cores que nos axudan a localizar cada lectura.

 Aprendemos a organizar os fondos. Practicamos como colocar correctamente os libros nos andeis, identificar as diferentes seccións e manter a biblioteca ordenada para facilitar a busca de información e lecturas.

Descubrimos o funcionamento de Koha. Os nosos voluntarios e voluntarias aprenderon a utilizar o programa de xestión bibliotecaria para realizar préstamos e devolucións, familiarizándose cunha das tarefas fundamentais do día a día da biblioteca.

Pero esta formación vai moito máis alá de aprender a colocar libros ou manexar un programa informático. A través destas actividades fomentamos a autonomía, a responsabilidade, o traballo en equipo, a cooperación e o respecto polos materiais e espazos compartidos.

Ademais, os nosos axudantes convértense en protagonistas da vida da biblioteca, adquirindo habilidades que lles permitirán orientar a outros compañeiros e compañeiras, recomendar lecturas e colaborar para que BiblioPepiño sexa un espazo cada día máis acolledor e dinámico.

Grazas a todos os nosos voluntarios e voluntarias pola súa ilusión, compromiso e ganas de aprender!

Ningún comentario:

Publicar un comentario