Hoxe, día 16, destapamos a penúltima recomendación deste calendario!
Esta recomendación vai
especialmente para os nenos
maiores do cole!
Gustaralles?
A NENA E O MAR, premio Merlín da Literatura Infantil 2.015
«Porto
Balea é unha vila mariñeira na que todos os seus anciáns habitantes perderon a
esperanza, tan só Otto, o último home novo da vila, segue a saír ao mar a
diario mentres deixa a Nena, a súa filla e orfa de nai, ao coidado dos
habitantes da vila acantilada. Mais un día Otto non regresa tras naufragar nos
dominios das sereas. Nena loitará contra a desidia da súa veciñanza e con toda
a forza de vontade, o empeño e a valentía que lle collen no seu corpo miúdo,
emprenderá unha viaxe desesperada.
Nena e o
mar é un relato
redondo, unha aventura de esperanza e valentía na que o ritmo pausado deixa
saborear todos os ingredientes dunha vila mariñeira envellecida, ancorada e sen
capacidade de loita contra o destino que o abandono deixa.
O poder de evocación
é un dos principais argumentos dun texto que logra recrear unha paisaxe
singular na que se mestura a decadencia coa esperanza posta nos ollos dunha
cativa que logrará mudalo todo. Nena é unha nena valente, obstinada e que fai
da forza de vontade unha bandeira coa que emprender unha perigosa aventura
propia de calquera heroína, mais sen deixar de ser unha nena.
A
construción das personaxes casa tamén con ese ritmo pausado, como de marea, que
respira todo o libro. As súas historias imos completándoas pouco a pouco,
devagar, coma o mar que deita as crebas nunha praia.
O vello rosmón Umu, o
mellor mariñeiro da vila, que segue a coidar de Anina, a súa longa traiñeira,
mais que nunca a bota xa ao devalo.
A enfermeira Hannah, quen viviu o amor de
forma pura e libre e renunciou a el por temor ao desprezo da súa familia.
A
vella mestra da vila, Aya, quen asume cunha mestura de cariño e frustración o
coidado de Nena, cariño pola cativa, á que ama, e frustración porque o tempo
que con ela comparte é un recordo do tempo no que a escola fervía de vida.
Ao
longo de toda a narración apreciamos valores positivos: a tenacidade, a
esperanza, a solidariedade, a valentía, a comunicación, o respecto. Os valores
están nas xentes da vila, nas súas decisións, sen deixarse levar pola simpleza de bos e malos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario