22 de dec. de 2025

OBRADOIRO nadalARTE

 Esta semana temos en BiblioPepiño obradoiros de arte, nos que estamos creando adornos para a nosa árbore inspiradas en diversos artistas: Mondrian, Frida Kalho, Van Gogh... 




Qué artistas identificades na nosa árbore?


15 de dec. de 2025

Xogos en familia

 Un ano máis a Xornada de Xogos en Familia, foi todo un éxito!

Deixámosvos unha pequena mostra de todo o que disfrutamos esta tarde, compartindo coas nosas familias xogos, risas e unha merendola rica.



MOITÍSIMAS GRAZAS POR CONTAR CON NOS PARA PASAR A TARDE DO VOSO SÁBADO!


10 de dec. de 2025

XOGOS EN FAMILIA

Este sábado, achégate á Bibliopepiño e pasa unha tarde diferente gozando de xogos para todas as idades.

Un plan perfecto para compartir tempo de calidade, coñecer novos xogos e vivir a biblioteca dun xeito distinto. 

Teremos xogos de mesa, risas, cooperación e moitos bos momentos

AGARDÁMOSVOS!

3 de dec. de 2025

SAÍDA MOCHILAS VIAXEIRAS

 ATENCIÓN!!!!

Véñense novas!!!!

Este venres sairán cara as vosas casas as mochilas viaxeiras de BiblioPepiño.

Como xa é habitual poderán estar convosco durante unha semana, tempo no que rotarán por todo o alumnado que decidiu participar nesta actividade.

Dentro das mochilas atoparedes:

- Unha película en DVD.

- Un xogo para desfrutar en familia.

- Libros de diferentes tipos de textos: banda deseñada, poesía, narrativa, información documental...

- Un libriño relacionado coa arte, proxecto anual do noso centro.

- Caderno de arte, buscando a vosa colaboración para poder abrir a nosa galería de arte.

- Caderno de valoracións, anónimo, xa que para nos é moi importante poder mellorar e coñecer as vosas impresións e suxestións para seguir adaptándonos aos vosos intereses.

AGARDAMOS QUE AS GOCEDES!

23 de nov. de 2025

FALARTE

A nosa radio, Pepiño nas ondas, continúa coas súas gravacións semanais. 
Esta vez tocoulle ao noso programa de arte: FALARTE

Deixamos dous capítulos:

O primeiro sobre Keith Haring, onde Martina e Alan de sexto de educación primaria entrevistan a Cloe, Mía e Hugo, grandes expertos de Keith Haring de 6º de Educación Infantil.
Dádelle a play!

A segunda entrada de Falarte vai da man de Javier, Zulema, Lúa, Martina e Uxía, eles darannos a coñecer a arte grotesca. a que se refiere? Non perdas o tempo, dalle a play e comeza a ampliar o teu coñecemento artístico.
MOI PRONTO NOVOS PODCAST. 
NON VOS IMPACIENTEDES!

APADRIÑAMENTOS LECTORES

 O xoves conmemoramos o Días dos dereitos dos nenos, recollidos na Convención sobre os Dereitos da infancia, garanten que todas as nenas e nenos poidan medrar nun entorno seguro, respectuoso e cheo de oportunidades. 

Entre estes dereitos, o dereito á educación ocupa un lugar fundamental, pois permite que cada menor desenvolva plenamente as súas capacidades, acceda ao coñecemento e participe de forma activa na sociedade.

Cos apadriñamentos lectores axudamos a favorecer o crecemento persoal e colectivo, asegurando que cada neno e nena se sinta valorado, acompañado e con dereito a aprender.

PASÁMOLO XENIAL!

22 de nov. de 2025

DEREITOS DA INFANCIA

No noso cole cremos que a arte é unha poderosa ferramenta para expresar emocións, ideas e valores. Por iso, con motivo da conmemoración dos dereitos da infancia, que celebramos cada 20 de novembro, en BiblioPepiño quixemos unir creatividade e reflexión a través dunha actividade moi especial.

Ao longo destes días, o alumnado das diferentes aulas converteuse en pequeno artista para investigar e poder representar, mediante obras plásticas, algúns dos dereitos fundamentais da infancia: o dereito á educación, ao xogo, á igualdade, á protección, á identidade, á paz ou á liberdade de expresión, entre outros.

Cada creación está inspirada no artista que cada grupo traballa dentro do noso PDI Pinceladas na Sangriña, polo que nesta exposición podemos atopar interpretacións cheas de cor, emoción e imaxinación ao estilo de grandes referentes da arte. A cales identificades?

Así, os dereitos da infancia transfórmanse en cadros únicos que nos fan pensar e sentir ao mesmo tempo.

A través desta proposta, ademais de coñecer mellor os dereitos dos nenos e nenas, aprendemos que todas as persoas merecen ser escoitadas, coidadas e respectadas. Porque unha infancia feliz é un dereito… e tamén unha obra de arte que debemos construír entre todos e todas.

















Convidámosvos a visitar esta fermosa exposición e a descubrir todo o que o noso alumnado quixo contar coas súas pinceladas.