10 de xuño de 2026

PICNIC LITERARIO

 As nosas Pepilecturas de alumnado despediron o curso cunha xornada de convivencia moi especial no Parque de Pías, un espazo perfecto para compartir lectura, xogos e bos momentos ao aire libre.

Durante a tarde realizamos diferentes actividades arredor dos libros que nos acompañaron ao longo do club de lectura. Primeiro, debuxamos e decoramos un cartel con aqueles títulos que máis nos gustaron, deixando constancia das historias que máis nos fixeron rir, pensar, emocionarnos ou imaxinar.

Tamén elaboramos un ranking lector, no que cada participante puido valorar as súas lecturas favoritas e compartir cos demais os motivos da súa elección. Foi moi bonito escoitar as opinións do alumnado e comprobar como cada libro deixa unha pegada diferente en cada lector e lectora.

Un dos momentos máis divertidos chegou cando imitamos as portadas das nosas lecturas favoritas. Con moita creatividade, convertémonos por un intre en protagonistas das historias, dando vida aos libros dun xeito orixinal e moi participativo.










Por suposto, tamén tivemos tempo para merendar, conversar, xogar e gozar xuntos desta última xuntanza. Para rematar, recibimos un agasallo moi fresquiño, perfecto para poñer o broche final a unha tarde chea de lecturas, amizade e convivencia.

Dende BiblioPepiño queremos agradecer a participación de todo o alumnado que formou parte de Pepilecturas ao longo deste curso. Grazas por compartir historias, opinións, ilusións e momentos tan especiais arredor dos libros.

Porque ler xuntos sempre é unha aventura! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario