18/11/2014

25 NOVEMBRO: DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O 25 de novembro celebramos o "Día internacional contra a violencia de xénero".

 Elixiuse esa data para conmemorar o violento asasinato de tres irmás :  PATRIA, MINERVA E TERESA MIRAVAL ,a mans da policía secreta do ditador Rafael Trujillo na República Dominicana. Os seus cadáveres foron atopados no fondo dun barranco, simbolizando a partires de entón a loita e a resistencia das feministas latinoamericanas.

Foi declarado así no I Congreso Feminista de Latinoamérica e do Caribe en Bogotá (Colombia) en xullo de 1981. 

En 1999 , a ONU deu carácter oficial a esta data.



Dende BIBLIOPEPINO queremos aportar, un ano máis, o noso gran de area, na loita contra este tipo de violencia.  Falaremos e traballaremos cos nosos nenos e nenas porque queremos contribuir a construir unha sociedade máis xusta dende a IGUALDADE.






Propoñémosvos a lectura da seguinte historia , recollido polo Servizo Galego de Igualdade, para que logo reflexionedes.



Hai unha gata salerosa
que traballa cun camión,
conduce case todo o día
levando caixas á estación.
O seu home é un gato
que traslada a diario
peixe fresco e conxelado
para gañar o salario.
Ela non ve nin un euro
pois todo o garda el,
dálle moi xusto o diñeiro...
non goza nada del..
Chegan á casa á vez,
cansa ela e canso el,
deben facer a comida,
lavar, poñer o mantel,...
A gata xa fixo as compras
cando viña polo camiño,
o gato só trae un saco
co seu mono ben porquiño.
O gato, en zapatillas
senta no seu sillón,
colle o mando, dálle á tecla
e prende a televisión.
A gata mentres tanto
non para un segundo:
pela, corta, lava, frite,
limpa e frega,... todo xunto.
O gato goza arreo
vendo nese televisor
un programa de concursos
no que gañan un tambor.
A gata moi esgotada
limpa o po, varre o chan,
coloca ben a neveira,
e desconxela o pan.
Pronto o gato ten fame
- Gata tráeme un bocadiño!
A gata está farta, xa sabes,
mais prepara un xureliño.
O gato aínda protesta
porque está cru de máis,
e berra á pobre gata:
- Non o probaches quizais?
-Timbran á porta!- di o gato
berrando dende a butaca,
el non abre e vai a gata
pelando nunha pataca.
- Pásalle o ferro ao meu traxe
que o quero poñer mañá!
Non fai falla tanto tempo
para darlle a cea a mamá!
Á gata, que non para,
dóelle até o peroné,
o gato escoita un barullo:
- Está chorando o bebé!
A que non sabes quen
lle cambia o cueiro ó bebé?
A gata, claro, pois claro,
o gato non move un pé.
Por que non traballa o gato
se é tamén a súa casa?
A gata non para un intre,
sabes ti que é o que pasa?

Texto: Azucena Arias

Despois de ler o texto, seguro que xa descubriches as diferenzas entre o gato e a gata. Como resolverías esa discriminación? 

Aquí vos deixamos este vídeo SUPERLOLA unha nena moi valente que sona cun mundo mellor no que todos os nenos e nenas sexan libres para ser o que queiran...



Agora uns CONTOS para a reflexión...










A FAMILIA BEEE, é unha familia de ovellas para xogar coas nenas e cos nenos e contribuír a un mundo máis igualitario.

A través de materiais cotiás da casa trabállase o reparto igualitario de tarefas





Rematamos cunha curta "LA PELUCA DE LUCA" un neno moi especial, ó que lle gusta levar pelo largo, perrucas rosas e disfraces. Non entende porque hai cousas so para nenos e so para nenas...


Ningún comentario:

Publicar un comentario